martes, 25 de septiembre de 2007

MOCIÓN PRESENTADA AO CONCELLO DE MELIDE

"Moción da Asociación de Troiteiros Río Furelos relativa ao desastre ecolóxico sofrido polo río Catasol".
A Asociaión de Troiteiros Río Furelos do concello de Melide, ao abeiro da lexislación vixente presenta para que se inclúa o seu debate no Pleno da Corporación a seguinte MOCIÓN:
Exposición de Motivos:
O pasado día 11 de setembro o río Catasol sufiu unha agresión ambiental que todos os medios de comunicación non dubidaron en catalogar de "desastre ecolóxico". Ningún veciño de Melide ten dúbidas de que o ocurrido puido ser evitado de funcionaren con rigor os mecanismos de control que a sociedade ten posto nas mans dos representantes nos distintos ámbitos institucionais.
Ninguén dubida tampouco de que este tipo de agresións veñen sendo realizadas de xeito periódico e de forma calculada para evitar un desastre notorio. Máis esta vez o vertido foi de tal magnitude que non só resultou evidente, senón tamén catastrófico para a flora e a fauna do río Catasol.
Ninguén, máis unha vez, pode pór en dúbida que o sucedido tivo un gran impacto na conciencia colectiva dos nosos veciños e veciñas. Non é preciso lembrar que o RÍO é para o conxunto da veciñanza un lugar de encontro, de lecer, productor de lendas e animador cultural de xeracións.
É por isto que a institución que representa a todos e todas os cidadáns e cidadás de Melide non pode permanecer á expectativa do que outras institucións fagan ou deixen de facer. Os nosos representantes non poden permanecer no ámbito das declaracións e deixar que "o lixo" pase...
A sociedade melidense esixe posicións claras e comprometidas precisamente para que os que están a xogar nos lindeiros da legalidade saiban que se van atopar cunha oposición rotunda. En definitiva, para que por primeira vez se visualice con claridade que o noso Concello é unha institución plenamente democrática e que os nosos gobernantes están nela para defender os intereses colectivos.
Por todo isto, a Asociación de Troiteiros Río Furelos propón para incorporar a ordén do día do PLENO da CORPORACIÓN a adopción dos seguintes ACORDOS:
  1. Instar ao Goberno Municipal a se presentar como parte en todas aquelas accións administrativas e xudiciais encamiñadas a depurar neste ámbito as responsabilidades a que houber lugar
  2. Instar ao Concelleiro Responsable de Medio Ambiente a realizar un estudo da situación na que se atopan aquelas industrias que verten sobre os nosos ríos para comprobar se se axustan á normativa legal vixente. No seu defecto iniciar unha campaña informativa para que sexan coñecedores das mesmas para adaptaren as súas explotacións á normativa legal existente.
  3. Instar ao Goberno municipal para que de xeito coordinado coa Consellería de Medio Ambiente, Medio Rural e a Asociación de Troiteiros "Río Furelos", se aprobe un plan de recuperación do río Catasol.
  4. Manifestar o recoñecimento e a gratitude da institución polo labor desenvolvido por aqueles e aquelas veciños e veciñas que dun xeito altruísta estiveron durante a crise implicados na solución da mesma.

Melide a 24 de setembro de 2007

Asdo: Xabier Pazo Blanco

Presidente Asoc. Troiteiros "Río Furelos".

Rexistro de entrada Concello de Melide

24/set/2007

ENTRADA Nº 2880

No hay comentarios: